“Ponte no meu lugar”: unha experiencia pensada para achegar ao alumnado a realidade das persoas con Parkinson.

Na nosa asociación cremos que a sensibilización e a educación son fundamentais para construír unha sociedade máis empática e consciente. Por iso, esta semana desenvolvemos no Colexio Fogar de Santa Margarida a actividade “Ponte no meu lugar”, dirixida ao alumnado de 6º de Primaria.

A iniciativa levouse a cabo con tres grupos de estudantes de 11 anos, formados por arredor de 25 alumnos e alumnas cada un, en sesións de 50 minutos. Durante a actividade, os nenos e nenas puideron achegarse, dunha maneira práctica e vivencial, a algunhas das dificultades que poden experimentar as persoas con enfermidade de Parkinson no seu día a día.

A través de diferentes postos dinámicos guiados por profesionais da nosa asociación, o alumnado participou en exercicios deseñados para fomentar a empatía e a comprensión de síntomas relacionados co movemento, o equilibrio, a coordinación ou a fala.

Os postos da actividade

Cada unha das dinámicas permitía experimentar unha situación concreta vinculada ao Parkinson:

  • Luvas con lentellas, para traballar a dificultade na motricidade fina e comprobar como tarefas aparentemente sinxelas poden complicarse.
  • Balancín, centrado no equilibrio e no papel das persoas coidadoras como apoio fundamental.
  • Bayeta nos pés, para experimentar as dificultades relacionadas coa marcha e o desprazamento.
  • Depresores na boca, co obxectivo de comprender como poden afectar os problemas da fala e da comunicación.
  • Theraband, para representar a rixidez muscular e as alteracións posturais que moitas persoas con Parkinson experimentan.

Ademais das dinámicas prácticas, aproveitamos o encontro para achegar ao alumnado o traballo dos distintos profesionais que forman parte da nosa entidade. Falamos sobre que fai un fisioterapeuta, cal é o labor dun logopeda e como traballamos desde a asociación para mellorar a calidade de vida das persoas con Parkinson e das súas familias.

Un dos momentos máis especiais da xornada foi a participación de Lito, usuario da nosa asociación, que compartiu a súa experiencia persoal tras 20 anos convivindo co Parkinson. O seu testemuño permitiu ao alumnado escoitar, preguntar e comprender a enfermidade desde unha perspectiva próxima, humana e real.

Este tipo de actividades non só axudan a visibilizar o Parkinson, senón que tamén fomentan valores tan importantes como a empatía, o respecto e a comprensión desde idades temperás.

Queremos agradecer ao Colexio Fogar de Santa Margarida a súa acollida, interese e implicación nesta experiencia tan enriquecedora. Seguiremos traballando para achegar a realidade do Parkinson á sociedade e crear espazos de aprendizaxe e sensibilización que nos axuden a construír unha comunidade máis consciente e solidaria.

Scroll ao inicio