- Arredor de 15 persoas gozaron dunha primeira aproximación a esta disciplina baixo a supervisión de profesionais da Agrupación de Montañeiros Independentes (AMI)
O pasado sábado 23 de maio, desde a Asociación Párkinson Galicia-Coruña celebramos unha xornada de portas abertas de escalada, unha actividade que reuniu arredor de 15 persoas, organizadas en dous grupos, e que nos permitiu vivir unha mañá diferente, de encontro e descubrimento.
A sesión supuxo unha primeira aproximación á escalada como disciplina deportiva, nun ambiente próximo e seguro, onde as persoas participantes puideron probar novos movementos, confiar nas súas capacidades e compartir a experiencia con outras persoas da asociación. Máis alá do exercicio físico, foi unha oportunidade para encontrarnos, aprender e gozar do proceso, sen esixencias e respectando os ritmos de cada persoa.
A actividade foi posible grazas á colaboración da Agrupación de Montañeiros Independentes, da Federación Galega de Montañismo e do Concello da Coruña, cuxo apoio e compromiso fixeron posible o desenvolvemento desta xornada no Rocódromo de Riazor.
Queremos agradecer especialmente a implicación de Joaquín Suárez e Fernando González, dúas persoas usuarias que xa practican escalada, polo seu entusiasmo, proximidade e por achegarnos a unha disciplina que coñecen ben e que forma parte do seu día a día. O seu acompañamento foi clave para que o grupo se sentise cómodo e con ganas de probar algo novo.
Este tipo de iniciativas reforzan a importancia do exercicio físico e do deporte como complemento na abordaxe do párkinson, non só polos seus beneficios a nivel de mobilidade e equilibrio, senón tamén pola súa capacidade para xerar comunidade, motivación e benestar emocional.
Galería de fotos:
