65 persoas con párkinson e parkinsonismos benefícianse dun proxecto de atención integral a persoas con EP

  • Párkinson Galicia-Coruña desenvolve en 2026 este proxecto, que combina fisioterapia, logopedia, neuropsicoloxía e traballo social para mellorar e manter as capacidades funcionais
  • O programa beneficia persoas diagnosticadas desta enfermidade na Coruña e arredores
  • Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE

Un total de 65 persoas con párkinson e parkinsonismos na Coruña participaron durante este 2026 no «Programa de atención integral a persoas con enfermidade de párkinson», desenvolvido pola Asociación Párkinson Galicia-Coruña, co obxectivo de favorecer a autonomía e a calidade de vida das persoas que conviven con esta enfermidade.

Este proxecto, avalado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), parte dun enfoque integral e centrado na persoa. As persoas beneficiarias recibiron atención en fisioterapia, logopedia e neuropsicoloxía, con plans terapéuticos adaptados ás súas necesidades, así como asesoramento e información.

A enfermidade de Parkinson é unha patoloxía crónica e neurodexenerativa que pode afectar de maneira progresiva á autonomía persoal e tamén ao ámbito familiar. Xunto coas dificultades de mobilidade, marcha ou equilibrio, poden aparecer alteracións da fala e da deglutición, cambios emocionais ou dificultades relacionadas coa memoria, a atención e outras funcións cognitivas.

A finalidade do programa é dar resposta a unha realidade que condiciona o día a día de moitas persoas con párkinson e das súas familias: a necesidade de contar con apoios especializados de forma continuada. A asociación sinala que as terapias rehabilitadoras son especialmente relevantes nunha enfermidade crónica e progresiva, xa que permiten traballar as capacidades que se ven afectadas e proporcionar ferramentas para afrontar a súa evolución.

Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para financiar os proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.

A Asociación Párkinson Galicia-Coruña é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1996. Traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con párkinson, parkinsonismos e das súas familias, ofrecendo información, asesoramento e terapias especializadas. Forma parte da Federación Española de Párkinson e de COGAMI.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) é unha ONG sen ánimo de lucro constituída en 1980. O seu propósito é conseguir unha sociedade inclusiva que garanta o pleno exercicio dos dereitos das persoas con discapacidade física e orgánica. Coordina, representa e impulsa o movemento asociativo de persoas con discapacidade física e orgánica en España, formado por 94 entidades estatais, autonómicas e provinciais que, á súa vez, representan máis de 2,6 millóns de persoas con discapacidade e agrupan máis de 1.600 asociacións.

Scroll ao inicio