- A Asociación incorporou novos equipos para os seus servizos de fisioterapia, logopedia e neuropsicoloxía
- O proxecto, cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Liña IV, beneficia directamente a 270 persoas
A Asociación Párkinson Galicia-Coruña renovou parte do equipamento que emprega nas súas terapias e incorporou novas ferramentas para adaptar as sesións ás necesidades de cada persoa. Parte do material substituído levaba máis de vinte anos en uso.
A renovación enmárcase no proxecto Recursos e apoios técnicos para a atención a persoas con párkinson, cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Liña IV, con cargo aos fondos do 0,7 % do IRPF. Estes fondos proceden do recadro de fins sociais da declaración da renda, coñecido como X Solidaria, e están xestionados pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).
Novas ferramentas para as terapias
Entre o material adquirido figuran unha padiola eléctrica Bobath, dúas barras paralelas, un ecógrafo e un sistema de adestramento con luces de reacción. A Asociación tamén incorporou un equipo de electroestimulación, un monitor para medir a forza da lingua e dos beizos, material para traballar a voz, un sonómetro e dous ordenadores de sobremesa.
Estes recursos permítenlle ao equipo profesional adaptar mellor os exercicios e o traballo das sesións ás capacidades e necesidades de cada persoa, co obxectivo de favorecer a súa autonomía no día a día.
Desde a Asociación agradecemos o apoio da Xunta de Galicia e de COGAMI, así como a colaboración de todas as persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda e fan posible que proxectos coma este cheguen ás persoas con párkinson.









