Día Mundial da Fisioterapia: cada movemento conta no abordaxe do párkinson

A fisioterapia e o exercicio axudan a mellorar o control motor, facer máis segura a marcha e preservar a autonomía das persoas con párkinson

A responsable de fisioterapia da Asociación Párkinson Galicia-Coruña, Sandra García, destaca a importancia de manterse en movemento e realizar exercicio adaptado ás necesidades de cada persoa

No Día Mundial da Fisioterapia, a Asociación Párkinson Galicia-Coruña pon en valor o papel desta disciplina no abordaxe do párkinson e a importancia de manterse en movemento e realizar exercicio de forma regular e adaptada para conservar a mobilidade e a autonomía.

A fisioterapia permite traballar as dificultades motoras asociadas á enfermidade, adaptando os exercicios ás capacidades, necesidades e obxectivos de cada persoa. “O exercicio é unha ferramenta fundamental para manter as capacidades e favorecer que as persoas con párkinson poidan seguir realizando as súas actividades cotiás coa maior autonomía posible”, sinala Sandra García, responsable de fisioterapia da entidade.

Un dos principais obxectivos é mellorar o control motor, traballando aspectos como a rixidez, o tremor, o equilibrio e a postura. Tamén se presta especial atención ao adestramento da marcha, con estratexias dirixidas a mellorar a seguridade ao camiñar, afrontar os bloqueos e previr caídas.

A enfermidade de Parkinson maniféstase de forma diferente en cada persoa. Por iso, o exercicio terapéutico adáptase ás necesidades e obxectivos individuais, traballando desde a mobilidade e o equilibrio ata a forza e as actividades funcionais do día a día.

Un abordaxe interdisciplinar

A fisioterapia forma parte dun abordaxe integral e interdisciplinar no que participan as diferentes áreas da Asociación: Fisioterapia, Logopedia, Neuropsicoloxía e Traballo Social. O traballo coordinado permite atender as distintas necesidades das persoas con párkinson e da súa contorna, cunha atención centrada na persoa e nos seus obxectivos.

Porque moverse é tamén manter a autonomía, participar e seguir facendo aquilo que dá sentido a cada día.

Cada movemento conta.

Scroll ao inicio