- As tres sesións, que se celebrarán o 22 de setembro, ofrecerán ás persoas con párkinson os beneficios das terapias rehabilitadoras e o papel que desempeñan na abordaxe integral da enfermidade
A Asociación Párkinson Galicia-Coruña celebrará o próximo 22 de setembro, ás 17.00 horas, tres sesións grupais gratuítas de logopedia, fisioterapia e neuropsicoloxía en Oleiros, Culleredo e A Laracha, respectivamente. As actividades están dirixidas prioritariamente a persoas con párkinson residentes nestes municipios e localidades próximas. Durante as sesións, as persoas participantes realizarán exercicios e dinámicas propias da logopedia, a fisioterapia e a neuropsicoloxía, guiadas por profesionais especializados, permitíndolles coñecer de forma práctica como estas disciplinas poden contribuír a afrontar o día a día da enfermidade.
As tres sesións desenvolveranse de forma simultánea e estarán dirixidas polos profesionais responsables de cada unha das áreas terapéuticas da asociación. Aínda que cada sesión abordará unha disciplina diferente, todas compartirán un mesmo obxectivo: ofrecer ferramentas útiles para afrontar o día a día das persoas con párkinson.
En Oleiros, a Casa Echeverry acollerá a sesión titulada “Coida a túa voz e fala. Logopedia e Parkinson no rural”, centrada na voz, a fala e a deglutición. Durante a cita, M. Belén López compartirá pautas e exercicios destinados a favorecer unha comunicación máis eficaz e unha deglutición máis segura, dúas funcións que poden verse afectadas pola enfermidade.
En Culleredo, a actividade titulada “Seguridade na marcha e prevención de caídas. Fisioterapia e Parkinson no rural”, será impartida por Sandra García. As persoas participantes aprenderán estratexias e exercicios adaptados para mellorar a mobilidade, o equilibrio e a funcionalidade nas actividades da vida diaria. A proposta está dirixida tanto a persoas con párkinson como aos seus familiares e persoas coidadoras.
Pola súa parte, o Centro Sociocultural de Paiosaco, en A Laracha, acollerá a sesión titulada “Mantén a mente activa. Neuropsicoloxía e Parkinson no rural”, impartida por José María Freire. O encontro centrarase en proporcionar ferramentas para afrontar algúns dos síntomas cognitivos e emocionais asociados á enfermidade, entre eles as dificultades de atención e memoria ou a xestión emocional.
Con esta iniciativa, a Asociación Párkinson Galicia-Coruña achega as terapias rehabilitadoras ao entorno rural mediante sesións grupais que permiten ás persoas con párkinson participar nunha primeira experiencia práctica de logopedia, fisioterapia ou neuropsicoloxía. O obxectivo é facilitar o acceso a información especializada, resolver dúbidas e mostrar, de forma próxima e participativa, como estas disciplinas poden contribuír á abordaxe integral da enfermidade.
“O lugar de residencia non debería ser un obstáculo para acceder a información especializada e coñecer as ferramentas que poden axudar a mellorar a calidade de vida das persoas con párkinson. Con estas sesións queremos acercar as nosas terapias ao entorno rural, resolver dúbidas e ofrecer unha experiencia práctica que permita ás persoas participantes descubrir como a logopedia, a fisioterapia e a neuropsicoloxía poden contribuír á abordaxe da enfermidade”, sinala a directora da entidade, Mila Oreiro.
A iniciativa conta coa colaboración dos concellos de Culleredo, Oleiros e A Laracha, así como co apoio da Fundación “la Caixa”, que fai posible o desenvolvemento desta actividade. Todas as sesións requiren de inscrición previa a través dos números 981 241 100, 618 950 128 ou dos formularios:

