Oferta de emprego: Neuropsicólogo/a para atención especializada en Parkinson

A Asociación Parkinson Galicia-Coruña busca incorporar un/a Neuropsicólogo/a para formar parte do seu equipo profesional e desenvolver atención especializada a persoas con enfermidade de Parkinson e outros parkinsonismos.

Somos unha entidade con 30 anos de traxectoria dedicada á atención integral das persoas con Parkinson, as súas familias e persoas coidadoras. Nos últimos anos experimentamos un importante crecemento e actualmente atendemos unha media de 270 persoas cada semana, con máis de 25.000 intervencións anuais desde un modelo de atención especializado, integral e centrado na persoa.

Ademais, a entidade atópase nun momento especialmente importante coa posta en marcha dun novo Centro Integral de Parkinson na Coruña, un espazo destinado a ampliar e mellorar a atención especializada en áreas como fisioterapia, logopedia, neuropsicoloxía, terapia ocupacional, traballo social e atención ás familias.

Buscamos incorporar unha persoa que queira medrar con este proxecto e formar parte dun equipo interdisciplinar en expansión, comprometido coa mellora da calidade de vida das persoas con Parkinson e outros parkinsonismos.

Que funcións desempeñarás?

  • Deseñar e desenvolver programas de intervención neuropsicolóxica individual e grupal.
  • Intervir sobre alteracións cognitivas, emocionais e condutuais asociadas á enfermidade.
  • Orientar e acompañar a familiares e persoas coidadoras.
  • Participar en reunións de coordinación e traballo interdisciplinar.
  • Colaborar en actividades de formación, sensibilización e divulgación.

Que requisitos buscamos?

  • Grao ou Licenciatura en Psicoloxía.
  • Formación especializada en Neuropsicoloxía.
  • Experiencia en avaliación e intervención neuropsicolóxica.
  • Valorarase especialmente a experiencia con persoas con enfermidades neurodexenerativas e/ou enfermidade de Parkinson.
  • Capacidade para traballar en equipo e desde un modelo de atención centrado na persoa.
  • Boas habilidades de comunicación e relación interpersoal.
  • Capacidade de adaptación a diferentes perfís e necesidades.
  • Valorarase experiencia en intervención grupal e deseño de programas terapéuticos.

Que ofrecemos?

  • Incorporación a unha entidade especializada e en crecemento, con 30 anos de traxectoria.
  • Integración nun equipo interdisciplinar.
  • Participación nun proxecto de expansión e transformación da atención ás persoas con Parkinson.
  • Contrato de substitución con posibilidade de incorporación.
  • Xornada de 35 horas semanais.
  • Retribución segundo o XVI Convenio Colectivo Xeral de Centros e Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade.
  • Un contorno de traballo baseado na atención centrada na persoa, a colaboración profesional e o traballo en equipo.

Gustaríache formar parte do equipo?

Se es unha persoa comprometida coa atención ás persoas, tes formación e experiencia en neuropsicoloxía e queres formar parte dun proxecto especializado que se atopa en pleno crecemento, encantaríanos coñecerte.

Envía o teu CV a direccion@parkinsongaliciacoruna.org, indicando no asunto “Neuropsicólogo/a”, antes do 15 de setembro de 2026.

Scroll ao inicio