A Asociación Párkinson Galicia-Coruña continuará desenvolvendo o seu programa de fisioterapia grazas ao apoio da Deputación da Coruña, que un ano máis colabora co financiamento deste servizo a través da convocatoria de subvencións destinadas ao mantemento de programas sociosanitarios para entidades sen ánimo de lucro.
Nesta edición, a entidade recibiu unha achega de 26.520 €, que permitirá dar continuidade a un programa fundamental para mellorar a autonomía, a mobilidade e a calidade de vida das persoas con párkinson e parkinsonismos, ofrecendo unha atención especializada adaptada ás necesidades de cada persoa.

O programa comeza cunha primeira acollida e valoración, na que se identifican as necesidades da persoa e da súa contorna, se proporciona información sobre a enfermidade e os recursos dispoñibles e se deseña un plan de intervención individualizado. A partir dese momento, a intervención mantense en constante revisión para adaptarse á evolución da enfermidade e ás necesidades que poidan ir xurdindo ao longo do tempo.
Desde a área de Fisioterapia realízase unha avaliación terapéutica que permite establecer os obxectivos de tratamento máis axeitados en cada caso. O traballo céntrase en mellorar a mobilidade, o equilibrio, a coordinación, a marcha, a forza muscular e a flexibilidade, contribuíndo a preservar a autonomía e facilitar a realización das actividades da vida diaria.
O programa inclúe sesións individuais e grupais de fisioterapia, actividades terapéuticas en piscina, sesións de estiramentos e relaxación adaptadas e, cando é necesario, atención fisioterapéutica no domicilio. Ademais, tamén ofrece apoio a familiares e persoas coidadoras, conscientes do importante papel que desempeñan no día a día das persoas afectadas.
En consonancia co modelo de atención da entidade, este servizo desenvólvese desde unha perspectiva integral e interdisciplinar, promovendo a participación activa das persoas usuarias na xestión da súa enfermidade e coordinando a intervención co resto das áreas terapéuticas da asociación.
Desde a Asociación Párkinson Galicia-Coruña queremos expresar o noso agradecemento á Deputación da Coruña polo seu compromiso e confianza. O seu apoio fai posible que poidamos seguir ofrecendo unha atención especializada e de calidade, contribuíndo a mellorar o benestar e a autonomía das persoas con párkinson e parkinsonismos e das súas familias.

