A Asociación Párkinson Galicia-Coruña continuará ofrecendo o Servizo de apoio á promoción da autonomía persoal a través da terapia de Logopedia grazas ao convenio de colaboración asinado co Concello da Coruña, que este ano destina 30.000 euros ao financiamento deste recurso especializado.

Nun ano especialmente significativo para a entidade, que celebra 30 anos acompañando ás persoas con párkinson e parkinsonismos, así como ás súas familias e persoas coidadoras, esta colaboración permite dar continuidade a unha terapia esencial para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.
Aínda que moitas persoas asocian a logopedia unicamente ás dificultades da fala, no párkinson o seu papel vai moito máis alá. Desde esta área avalíanse, prevéñense e rehabilítanse alteracións da voz, da fala, da comunicación e da deglutición, así como determinados procesos cognitivos relacionados coa linguaxe que poden verse afectados pola enfermidade.
A intervención desenvólvese sempre desde un enfoque individualizado e interdisciplinar. A área de Logopedia traballa de forma coordinada coas áreas de Fisioterapia, Psicoloxía, Neuropsicoloxía e Traballo Social para ofrecer unha atención integral, adaptada ás necesidades e á evolución de cada persoa. Este traballo conxunto permite detectar cambios, anticiparse a novas necesidades e deseñar plans de intervención que fomenten a autonomía e a participación activa das persoas usuarias.
Grazas a este convenio, a asociación pode seguir ofrecendo unha atención especializada e de calidade, centrada en manter a comunicación, favorecer unha deglutición segura e preservar a autonomía persoal durante o maior tempo posible.
Desde a Asociación Párkinson Galicia-Coruña queremos agradecer ao Concello da Coruña a súa confianza e compromiso coas persoas con párkinson e parkinsonismos. O seu apoio resulta fundamental para garantir a continuidade dun servizo que contribúe cada día a mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias.

