- As cinco sesións formativas dirixidas a persoas coidadoras reuniron a máis de 75 asistentes e abordaron aspectos clave como o asesoramento social, a comunicación, o benestar físico e a saúde mental.
A charla titulada “Autocuidado: atender a saúde emocional das persoas coidadoras”, impartida polo responsable da área de Neuropsicoloxía da entidade, José Freire, puxo o broche final ao ciclo Escola de Coidadores/as, celebrado no Centro Cívico de Monelos.
Este programa formativo, dirixido a persoas coidadoras, contou con cinco sesións nas que profesionais da Asociación compartiron estratexias e ferramentas para o coidado físico e psicolóxico, claves para mellorar a comunicación e a deglutición, así como pautas sobre recursos e axudas sociais.
O ciclo foi posible grazas á colaboración da Fundación ”la Caixa”, cuxo apoio permitiu desenvolver esta iniciativa centrada en ofrecer apoio, formación e acompañamento ás persoas que desempeñan labores de coidado.
A primeira sesión abordou a importancia do asesoramento social, da man do traballador social Brais Fernández. A segunda centrouse en como coidar a saúde mental das persoas con párkinson, cunha sesión impartida por José Freire.
A terceira sesión consistiu nun obradoiro de acondicionamento físico dirixido pola responsable de Fisioterapia, Sandra García. Pola súa banda, a responsable da área de Logopedia, M. Belén López, conduciu a sesión dedicada á comunicación e á deglutición.
Con este ciclo, a entidade reforza o seu compromiso coa formación e o acompañamento ás persoas coidadoras, destacando a importancia do seu benestar como peza clave no coidado integral.






