A Deputación da Coruña apoia o noso servizo de fisioterapia un ano máis

Grazas á Deputación da Coruña podemos continuar traballando pola calidade de vida das persoas con párkinson, xa que nos concedeu 24.800 € destinados a financiar parte do servizo de fisioterapia dentro da Convocatoria de subvencións a entidades sen fins lucrativos para o mantemento de programas sociosanitarios durante o ano 2025.

OBXECTIVO XERAL

O obxectivo principal da fisioterapia na enfermidade de Parkinson é mellorar o estado físico e atrasar a evolución dos trastornos motores, permitindo unha maior autonomía e independencia para realizar actividades da vida diaria como pasear, vestirse ou camiñar.

Realízase unha valoración inicial para avaliar o grao de afectación e determinar o tratamento máis axeitado en cada caso.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

  • Mellorar a mobilidade corporal xeral para realizar as actividades da vida diaria.
  • Reeducar a postura e previr así as doenzas derivadas de malas posicións mantidas.
  • Reeducar o equilibrio e a coordinación dos movementos.
  • Reforzar o proceso normal da marcha e ensinar, tanto á persoa enferma como ao familiar, estratexias e técnicas para superar os bloqueos.
  • Manter e mellorar a elasticidade, a forza e o ton muscular.
  • Mellorar a función respiratoria comprometida pola rixidez da caixa torácica.
  • Ensinar medidas de hixiene postural e cambios posturais (sentarse, levantarse, xirar na cama…).
  • Preservar o trofismo e estimular a circulación sanguínea.
  • Ensinar técnicas de relaxación.

Ofrecemos sesións de tratamento grupal e/ou individual, en función das necesidades de cada paciente:

As SESIÓNS GRUPAIS DE FISIOTERAPIA teñen unha duración aproximada de 60 minutos. As profesionais dividen as terapias por idade e nivel de afectación.

As SESIÓNS INDIVIDUAIS DE FISIOTERAPIA, que ofrecemos tanto a pacientes como a familiares, teñen unha duración de 30 ou 45 minutos e pautaranse en función da recomendación da profesional e das necesidades de cada paciente.

Scroll al inicio