Unha vintena de persoas usuarias da Asociación Párkinson Galicia-Coruña percorreron a cidade para admirar as xoias modernistas de comezos do século XX.
Unha vintena de persoas da Asociación Párkinson Galicia-Coruña sumáronse o venres 3 de outubro á ruta modernista organizada polas usuarias e membros da Xunta Directiva da entidade, Susana Aamaro e Coral Rodríguez. A cidade e as súas xoias modernistas foron as protagonistas desta nova actividade, na que as persoas asistentes puideron coñecer unha Coruña diferente, a Coruña de comezos do século XX.
Desde a Praza de María Pita ata a Praza de San Andrés, as persoas presentes descubriron a historia dunha decena de edificios. Unha visita que obrigaba a erguer a mirada do chan e mirar cara arriba para apreciar as ornamentacións, os rostros femininos, os motivos vexetais e o ferro forxado que se repiten nas edificacións deste movemento arquitectónico que transformou a cidade.
Unha tarde para pasar un bo anaco, coñecer a historia da cidade, pero tamén para crear novos vínculos e lembranzas nesta pequena-gran familia que é a Asociación Párkinson Galicia-Coruña.

