Que é o párkinson?

O párkinson é unha enfermidade neurolóxica crónica e progresiva que afecta ó sistema nervioso central.

A súa principal característica é a perda gradual de neuronas encargadas de producir dopamina, unha substancia clave para coordinar o movemento.

Esta perda neuronal prodúcese nunha zona do cerebro chamada substancia negra, situada no tronco do encéfalo (a unión entre o cerebro e a médula espiñal). Ó diminuír os niveis de dopamina, o cerebro deixa de enviar e recibir correctamente a información necesaria para realizar movementos corporais con normalidade.

Aínda que os síntomas máis coñecidos son motores —como o tremor, a rixidez ou a lentitude de movementos—, tamén existen síntomas non motores, como a dor, a ansiedade, a depresión ou os trastornos do sono. Cada persoa experimenta a enfermidade de maneira diferente.

Aínda que adoita aparecer a partir dos 60 anos, tamén pode manifestarse máis cedo, incluso antes dos 40. En ámbolos casos a esperanza de vida é alta, sempre que non coincida o seu diagnóstico con outras enfermidades ou trastornos.

A día de hoxe, non se coñece unha única causa. Crese que inflúen distintos factores, como a xenética, o entorno ou o envellecemento. Tampouco existe unha cura definitiva, pero os tratamentos actuais (medicación, rehabilitación e cambios no estilo de vida) poden mellorar notablemente a calidade de vida de quen a padece.

É importante sinalar que, aínda que é unha enfermidade neurodexenerativa, non é mortal en si mesma e, na maioría dos casos, non reduce significativamente a esperanza de vida.

A enfermidade foi descrita por primeira vez en 1817 polo médico británico James Parkinson, quen a denominou “parálise axitante”. Anos máis tarde, o neurólogo francés Jean-Martin Charcot deulle o nome que hoxe coñecemos: enfermidade de Parkinson.

Scroll ao inicio