Moito máis que voz: o papel da logopedia na enfermidade de Parkinson

A logopedia é moito máis que traballar a voz: tamén aborda a respiración, a deglutición, a comunicación e a motricidade orofacial. No caso das persoas con enfermidade de Parkinson, esta disciplina desempeña un papel fundamental para manter a autonomía, a seguridade á hora de alimentarse e a participación na vida social.

Con motivo do Día Europeo da Logopedia, desde a Asociación Párkinson Galicia-Coruña queremos poñer en valor o papel clave que ten a intervención logopédica no abordaxe integral do Parkinson.

Parkinson e comunicación: un aspecto pouco visible da enfermidade

Cando pensamos na enfermidade de Parkinson, adoitamos asociarla principalmente aos síntomas motores, como o tremor, a rixidez ou a lentitude de movementos. Porén, esta enfermidade neurolóxica tamén pode afectar a funcións esenciais da vida diaria como a voz, a fala, a respiración ou a deglutición.

Moitas persoas con Parkinson experimentan cambios progresivos na súa forma de falar. A voz pode volverse máis baixa, monótona ou menos clara, o que dificulta que as demais persoas comprendan a mensaxe. Noutros casos aparece dificultade para proxectar a voz, controlar a respiración ao falar ou articular correctamente as palabras.

Estas alteracións poden provocar frustración, illamento social ou dificultades para manter conversas cotiás.

Dificultades na deglutición no Parkinson

Ademais dos cambios na fala, algunhas persoas con Parkinson poden presentar alteracións na deglutición (disfaxia). Estas dificultades poden afectar ao proceso de alimentación e aumentar o risco de atragoamentos ou aspiracións.

Por este motivo, a avaliación e o seguimento logopédico resultan fundamentais para garantir unha alimentación segura e adaptada ás necesidades de cada persoa.

O papel da logopedia no tratamento do Parkinson

A logopedia no Parkinson traballa mediante exercicios e técnicas específicas orientadas a:

  • mellorar a articulación e claridade da fala
  • fortalecer a intensidade e proxección da voz
  • traballar a respiración e coordinación ao falar
  • rehabilitar a motricidade orofacial
  • abordar as dificultades de deglutición

Este tipo de intervención contribúe a manter unha comunicación máis eficaz e unha maior seguridade durante a alimentación.

Comunicación, autonomía e calidade de vida

Máis alá dos aspectos físicos, poder comunicarse con claridade ten un impacto directo na autonomía persoal, na autoestima e na participación social. Manter a capacidade de expresarse, conversar e compartir experiencias é fundamental para o benestar emocional e a calidade de vida das persoas con Parkinson.

Por iso, desde a Asociación Párkinson Galicia-Coruña ofrecemos atención logopédica especializada dentro dun enfoque interdisciplinar. O noso equipo traballa de forma coordinada con outras áreas terapéuticas para dar resposta ás distintas necesidades das persoas con Parkinson e parkinsonismos atípicos, así como das súas familias.

Neste Día Europeo da Logopedia, queremos recoñecer o importante labor das e dos profesionais da logopedia e lembrar que coidar a comunicación tamén é coidar a saúde.

Scroll ao inicio