Un ano máis, dende a nosa asociación podemos continuar desenvolvendo o Servizo de apoio á promoción da autonomía persoal a través da terapia de logopedia para persoas afectadas de párkinson, grazas ao convenio de colaboración co Concello da Coruña.
Este apoio concrétase nunha achega de 30.000 euros, destinada a financiar os servizos da área de Logopedia, un recurso fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas con párkinson. A través desta intervención especializada trabállanse aspectos clave como a fala, a voz, a comunicación e a deglutición, favorecendo a autonomía persoal e o benestar no día a día.
A continuidade deste servizo permite ofrecer unha atención profesional, próxima e adaptada ás necesidades reais das persoas usuarias e das súas familias, reforzando ademais a rede de apoio sociosanitaria no ámbito comunitario.

Dende a entidade queremos agradecer ao Concello da Coruña a súa confianza e compromiso, que fan posible seguir impulsando proxectos esenciais para as persoas con párkinson, apostando por unha atención integral e de calidade.

