Formación
A formación continua permítenos ofrecer unha atención axustada a cada persoa.
O noso equipo actualízase de maneira permanente e tamén compartimos esa aprendizaxe con persoas con párkinson, coidadores, familiares e estudantes.
Formación para usuarios/as, familiares e coidadores/as
O párkinson presenta síntomas moi diversos que poden afectar ó día a día, por iso contar con información e pautas axeitadas marca unha gran diferenza. O noso obxectivo é ofrecer ferramentas prácticas que axuden tanto á persoa afectada como ó seu contorno a afrontar a enfermidade con maior seguridade e benestar.
Na asociación realizamos de maneira periódica:
•Cursos de manexo e acompañamento dirixidos a familiares e coidadores/as.
•Sesións formativas con consellos útiles sobre alimentación, hixiene, comunicación, mobilidade e adaptación na casa.
•Charlas e conferencias impartidas por profesionais da saúde e do ámbito social.
Aprender xuntos é tamén unha maneira de coidarse.
Formación do equipo profesional
O noso equipo conta con formación específica e ampla experiencia no tratamento do párkinson. Ademáis, promovemos a formación continua en cada área profesional para asegurar unha atención actualizada e adaptada ás necesidades de cada persoa.
Así garantimos unha intervención rigorosa, coordinada e de calidade.
Formación para estudantes
A nosa Asociación mantén convenios de colaboración con distintas facultades para a realización de prácticas externas. Estes acordos permiten que futuros profesionais se formen na abordaxe integral da enfermidade de Parkinson, coñecendo de cerca as necesidades reais das persoas afectadas e das súas familias.
Facultade de Fisioterapia (UDC)
Colaboramos desde 2008. Cada curso acollemos arredor de 20 estudantes de Fisioterapia. Durante as súas prácticas, participan en sesións de tratamento e rehabilitación motora, aprendendo estratexias para mellorar a mobilidade, o equilibrio e a autonomía das persoas con párkinson
Facultade de Logopedia (UDC)
Convenio activo desde 2010. Cada ano recibimos entre 1 e 2 estudantes en prácticas, que se forman en logopedia para Parkinson, traballando aspectos como a voz, a deglutición e a comunicación, fundamentais para a calidade de vida das persoas afectadas
Con estas colaboracións promovemos unha atención de calidade e contribuímos a formar a profesionais preparados para ofrecer tratamentos especializados en Parkinson no futuro.
