- A partir do 16 de marzo, a entidade sen ánimo de lucro estará presente no municipio para resolver dúbidas da poboación en relación a esta enfermidade neurodexenerativa que afecta a máis de 13.000 persoas en Galicia
- Grazas á colaboración de Fundación “la Caixa” e do Concello de Culleredo, a asociación logra achegarse a profesionais sanitarios e de servizos sociais do ámbito rural
A Asociación Párkinson Galicia-Coruña poñerá en marcha un Punto de información sobre a enfermidade de Párkinson no municipio de Culleredo, co obxectivo de ampliar a atención, orientación e detección de necesidades a persoas afectadas e as súas familias, especialmente no ámbito rural.
Este novo recurso comezará a funcionar o luns 16 de marzo no Centro Municipal Asociativo A Escada, cunha periodicidade quincenal. O servizo prestarase os luns, en horario de 10:00 horas a 13:00 horas, e será necesario solicitar cita previa a través dos teléfonos 981 241 100 / 618 950 128 ou do correo electrónico info@parkinsongaliciacoruna.org.
Unha profesional da entidade ofrecerá asesoramento especializado sobre esta patoloxía, recursos sociosanitarios e posibles derivacións aos servizos da asociación. “O párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa en España, pero a primeira en falta de información”, sinala a directora do centro, Mila Oreiro.
“Estes puntos de información vólvense necesarios, sobre todo en territorios como Galicia, con máis de 13.000 persoas que conviven con esta afección, e con ámbitos rurais a miúdo carentes de servizos individualizados e integrais, como os que ofrece a asociación”, engade Oreiro.
Como paso previo á implantación do servicio, a entidade celebrará unha charla formativa dirixida a profesionais de servizos sociais, do centro de saúde e do tecido asociativo do municipio. A formación terá lugar o xoves 5 de marzo, ás 13:30 horas, no Centro Cívico Virginia Blanco (Fonteculler), e será impartida pola responsable da área de fisioterapia da asociación, Sandra García.
Baixo o título Traballo en rede na atención ao párkinson: unha resposta coordinada nos ámbitos rurais, a sesión busca reforzar a coordinación entre os distintos axentes implicados e facilitar a derivación temperá de persoas que poidan beneficiarse de atención especializada.
Esta iniciativa é posible grazas á colaboración de Fundación “la Caixa” e do Concello de Culleredo, e permitiralle á Asociación Párkinson Galicia-Coruña estender progresivamente este modelo de puntos de información a outros municipios da contorna de A Coruña, achegando os seus servizos a zonas onde o acceso a recursos especializados é máis limitado.

