A Asociación achegou a fisioterapia, a logopedia e a neuropsicoloxía aos concellos de Oleiros, Culleredo e Laracha, facilitando recursos e ferramentas ás persoas con párkinson e ás súas familias.
Durante as sesións, os profesionais das áreas de fisioterapia, logopedia e neuropsicoloxía abordaron diferentes aspectos relacionados coa enfermidade, combinando a explicación dos contidos con consellos prácticos e un espazo aberto para resolver dúbidas e compartir experiencias.
Fisioterapia: seguridade na marcha e prevención de caídas
Desde a área de fisioterapia, a sesión impartida pola responsable do servizo, Sandra García, centrouse na importancia do movemento e da actividade física no párkinson. Abordáronse aspectos relacionados coa mobilidade, o equilibrio e a prevención de caídas, así como pautas e estratexias que poden aplicarse nas actividades da vida cotiá.
Tamén houbo un espazo para que as persoas asistentes formulasen as súas dúbidas e compartisen as dificultades relacionadas coa mobilidade que atopan no seu día a día.
Logopedia: coida a túa voz e a fala
A sesión de logopedia foi impartida pola responsable desta área, María Belén López, e estivo dedicada á voz, á fala e á deglutición, aspectos que poden verse afectados nas persoas con párkinson.
Os profesionais ofreceron recomendacións e ferramentas prácticas para afrontar algunhas destas dificultades, tanto na comunicación como durante as comidas e a inxestión de líquidos. As preguntas e experiencias das persoas participantes permitiron adaptar os contidos a situacións habituais da vida cotiá.
Neuropsicoloxía: mantén a mente activa
Pola súa banda, José Freire, responsable da área de neuropsicoloxía, tratou aspectos relacionados coa atención, a memoria e a xestión emocional.
A sesión permitiu coñecer algunhas estratexias para afrontar as dificultades que poden aparecer nestas áreas e reflexionar sobre o seu impacto no día a día. Tamén se puxo de manifesto a importancia de prestar atención ao benestar cognitivo e emocional, tanto das persoas con párkinson como dos seus familiares e persoas coidadoras.
Un espazo para compartir experiencias
Ademais de achegar os servizos da Asociación a estes concellos, as xornadas foron unha oportunidade para escoitar, resolver dúbidas e compartir experiencias.
A participación activa das persoas asistentes permitiu xerar espazos de conversa nos que os profesionais puideron responder a preguntas relacionadas con situacións concretas do día a día.
A boa acollida das charlas reflicte o interese por dispoñer de información e recursos especializados máis preto do lugar de residencia e pon en valor a importancia de continuar achegando os servizos ás persoas con párkinson e ao seu contorno.
Máis preto das persoas con párkinson
Con iniciativas como esta, Parkinson Galicia-Coruña continúa achegando os seus servizos e profesionais ao medio rural, facilitando o acceso a información e ferramentas relacionadas coa fisioterapia, a logopedia e a neuropsicoloxía.
Queremos agradecer a todas as persoas que participaron nas xornadas, así como aos concellos de Oleiros, Culleredo e A Laracha pola súa colaboración e por facer posible estes encontros.
A iniciativa contou co apoio da Fundación “la Caixa”.
Seguimos achegando coñecemento, acompañamento e ferramentas para mellorar o día a día das persoas con párkinson, das súas familias e de quen as acompaña.






