No Día Mundial da Psicoloxía destacamos o papel fundamental da atención psicolóxica na abordaxe integral da Enfermidade de Parkinson.

A saúde emocional, unha peza clave no Parkinson

Cando falamos de saúde, adoitamos pensar en termos físicos: mobilidade, autonomía, tratamento farmacolóxico. Porén, a calidade de vida é un concepto moito máis amplo. A saúde psicolóxica non é un complemento, senón un piar esencial dentro da abordaxe integral dunha enfermidade.

No contexto do Parkinson, o diagnóstico e a evolución da enfermidade supoñen cambios físicos, sociais e persoais que poden influír profundamente na maneira en que a persoa se percibe a si mesma e na súa forma de relacionarse co contorno.

A cohesión, a comunicación e o apoio dentro da familia son piares esenciais para afrontar a enfermidade de maneira conxunta. Manter vínculos, participar en actividades e sentirse parte da comunidade protexe fronte ao illamento e reforza o benestar emocional.

Conservar roles con significado e participar en actividades que acheguen satisfacción resulta clave para preservar a identidade persoal máis alá da enfermidade. Do mesmo xeito, adaptar o contorno, aprender novas estratexias e sentirse capaz de afrontar o día a día mellora a percepción de seguridade e estabilidade.

Dende a nosa asociación acompañamos tanto ás persoas con Parkinson como ás súas familias, porque entendemos que a enfermidade impacta en todo o sistema familiar. Ofrecemos un espazo seguro onde expresar medos, dúbidas e emocións, e onde adquirir ferramentas prácticas para afrontar os retos cotiáns.

O noso obxectivo non é intervir unicamente cando aparece o malestar, senón fortalecer recursos persoais que favorezan a resiliencia, a adaptación e o benestar ao longo de todo o proceso.

Neste Día Mundial da Psicoloxía queremos recoñecer a importancia deste acompañamento profesional e lembrar que pedir axuda tamén é un acto de fortaleza.

Seguimos traballando cada día para que as persoas con Parkinson e as súas familias non só vivan máis anos, senón que vivan mellor.

Scroll ao inicio