Parkinsonismos e síndromes parkinsonianos
O parkinsonismo ou síndrome parkinsoniano consiste en sufrir algún dos síntomas da enfermidade de Parkinson, como o tremor, a rixidez, a lentitude ou as alteracións posturais, sen ter a enfermidade de Parkinson en si.
Unha vez que se establece o diagnóstico de parkinsonismo búscase a causa do mesmo. A etioloxía é moi variable e normalmente realízanse probas de laboratorio e neuroimaxe anatómica para descartar causas secundarias, como poden ser a toma de certos fármacos, as alteracións hormonais, a presenza dun tumor, a hidrocefalia ou unha lesión por isquemia cerebral. Se non se atopa ningunha enfermidade que produza parkinsonismo de maneira secundaria, fálase dun parkinsonismo de orixe primario.
A enfermidade primaria que con máis frecuencia produce estes síntomas é a enfermidade de Parkinson, pero existen outras enfermidades neurodexenerativas menos frecuentes que tamén poden producir parkinsonismos, por exemplo:
Atrofia multisistémica (AMS)
O paciente pode sufrir lentitude, rixidez e dificultades no equilibrio ou para camiñar. Tamén pode sufrir síntomas no cerebelo (unha parte do encéfalo que coordina movementos musculares), como perda de equilibrio ou dificultades para falar. Por último, pode afectar ó sistema nervioso autónomo e interferir en tarefas que o corpo fai automáticamente, como regular a presión sanguínea, baleirar a vexiga, etc.

Parálise supranuclear progresiva (PSP)
Pode causar desequilibro, dificultades na marcha e unha tendencia a caer cara atrás. Tamén restrinxe os movementos dos ollos, o que pode levar a ter dificultades para ler, caídas mentres se baixan escaleiras, visión borrosa ou dobre, ou alta sensibilidade á luz. Tamén se produce o peche involuntario das pálpebras, chamado blefaroespasmo, cambios na memoria e no comportamento, nas emocións ou as motivacións, e problemas na fala e ó tragar.

Dexeneración cortico-basal (CDB)
Conleva principalmente síntomas motores e cognitivos. Os síntomas motores xeralmente afectan un brazo e/ou unha man, incluíndo: lentitude, rixidez, mioclonías, que son sacudidas rápidas dos músculos e distonía, que é unha postura fixa e anorma.

Enfermidade de corpos de Lewy difusos
É unha maneira de demencia asociada coa enfermidade de Parkinson, que ocorre típicamente ó comezo da enfermidade. Adoita presentar síntomas motores, como a rixidez e a lentitude, e tamén dificultades de memoria e aprendizaxe que interfiren na vida diaria. Outros síntomas poden ser as alucinacións visuais (ver cousas onde non as hai), alteracións impredecibles nos niveis de alerta e atención, así como cambios no humor, o comportamento e a personalidade.

